Noticias

Ribeiro en Común abre o programa á cidadanía

Ribeiro en Común anunciou o inicio dun proceso participativo para elaborar o seu programa electoral de cara ás eleccións municipais de 2027, unha iniciativa coa que a agrupación asegura que pretende implicar á veciñanza de Ribadavia e da comarca na definición das prioridades de futuro.

Segundo explicou a formación tras a asemblea celebrada o pasado 11 de xuño, o obxectivo é crear un programa construído de maneira colectiva mediante diferentes ferramentas de participación, tanto en formato dixital como presencial e analóxico.

Ribeiro en Común abre o programa á cidadanía

A través destes mecanismos, os veciños e veciñas poderán presentar propostas, detectar necesidades, realizar críticas construtivas e achegar ideas para o desenvolvemento do municipio.

Ribeiro en Común abre o programa á cidadanía

A agrupación sinala que este traballo continuará nas próximas asembleas abertas, nas que a participación cidadá será o eixo principal do proceso de elaboración do programa que presentará nos comicios de maio de 2027.

Durante a reunión, Ribeiro en Común tamén reafirmou, segundo indica a propia formación, o seu compromiso cunha oposición «responsable, útil e construtiva«, baseada na presentación de iniciativas para mellorar Ribadavia e no seguimento da acción do actual goberno municipal, que conta con maioría absoluta.

Outro dos acordos adoptados consiste en dar visibilidade ao labor realizado pola agrupación durante a súa etapa no executivo local, destacando os proxectos e iniciativas desenvolvidos nese período, co propósito de informar á veciñanza sobre os resultados das políticas impulsadas.

A formación iniciou igualmente unha reflexión sobre a renovación do seu proxecto político de cara ás municipais de 2027. Neste marco, prevé convocar asembleas abertas a partir do remate do verán para facilitar a incorporación de persoas interesadas en participar na actividade da agrupación e mesmo optar a formar parte da futura candidatura electoral.

Con esta iniciativa, Ribeiro en Común asegura que busca consolidar un proxecto «aberto, plural e participativo«, no que a cidadanía teña un papel activo tanto na elección das persoas representantes como na elaboración das propostas para o futuro de Ribadavia.

Botón volver arriba