Ribeiro en Común demandou ao Concello de Ribadavia unha maior atención á ribeira do río Avia na zona urbana, denunciando o que considera unha situación de abandono con árbores caídas, acumulación de leña, lixo e presenza de vehículos en espazos peonís.
A formación solicita a limpeza das áreas máis afectadas, campañas de concienciación ambiental e sancións para as persoas que ensucien as zonas de baño.
Ribeiro en Común reclama máis coidado para a ribeira do Avia en Ribadavia
Tamén pide pequenas podas de mantemento das árbores, especialmente na contorna da ponte de San Francisco, pero insiste en que estas actuacións deben respectar o valor ambiental da vexetación de ribeira.

No comunicado, Ribeiro en Común desminte ao goberno local do PP e asegura que o mantemento dos cauces en tramos urbanos é competencia municipal, previa autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil cando sexa necesaria.
A formación acusa ao executivo local de “deixadez de funcións” e de utilizar, segundo sostén, argumentos incorrectos para xustificar a falta de actuacións na ribeira do Avia.

