Ribadavia consolídase tamén como espazo para o emprendemento innovador. Dende finais do verán de 2025 opera na vila Terra Núa, unha axencia de marketing con base no municipio ourensán que naceu cunha idea clara: axudar a medrar a negocios e proxectos do rural galego sen renunciar á identidade propia nin ao vínculo co territorio.
Detrás desta iniciativa está Guillermo Conde, emprendedor natural de Benicàssim (Castelló), que decidiu situar en Ribadavia o centro de operacións dun proxecto que combina branding, comunicación dixital, organización de eventos e asesoramento estratéxico para pequenas e medianas empresas, ademais de propostas culturais e creativas.
Terra Núa, marketing con raíces no rural galego
A creación de Terra Núa responde, segundo explica o seu fundador, á necesidade crecente de profesionalizar iniciativas locais que contan cun produto ou servizo diferencial, pero que en moitos casos precisan ferramentas de posicionamento e comunicación para competir nun mercado cada vez máis globalizado.

Un ecosistema profesional desde o rural
Lonxe do modelo tradicional de axencia, Terra Núa funciona como un ecosistema colaborativo integrado por profesionais autónomos asentados no rural, especializados en áreas como fotografía, desenvolvemento web, comunicación audiovisual ou creación de contidos.
Esta estrutura permite ofrecer solucións personalizadas a proxectos de dimensión moi diversa, mantendo ao mesmo tempo unha filosofía ligada á economía local e á cooperación entre profesionais do territorio.
Nos seus primeiros meses de actividade, a firma conseguiu construír unha carteira de clientes e colaboracións que abrangue sectores moi diferentes. Desde adegas e proxectos vinculados á gastronomía ata equipos deportivos, músicos, artistas e iniciativas culturais, Terra Núa foi ampliando presenza en distintos ámbitos do panorama galego.
Presenza en iniciativas culturais de referencia
Entre os proxectos nos que participa Guillermo Conde destaca Arteficial, unha proposta cultural recoñecida polo Ministerio de Cultura no X Encontro Cultura e Cidadanía, ademais da colaboración con entidades como a Asociació Violant.
A axencia tamén desenvolve traballos de cobertura e comunicación en directo para eventos de relevancia no ámbito galego, como os organizados pola Federación Galega de Bandas de Música, unha liña de traballo coa que reforzou o seu posicionamento dentro do sector cultural.
Sostibilidade como eixo de traballo
Máis alá da comunicación e da estratexia de marca, Terra Núa define o seu modelo arredor da sostibilidade económica, social e ambiental, valores que, segundo o proxecto, forman parte de cada campaña e de cada colaboración.
Para Guillermo Conde, o rural non debe entenderse como unha alternativa secundaria, senón como un espazo con capacidade real para liderar proxectos innovadores.
“No rural pódense facer cousas iguais ou máis grandes ca na cidade, e co dobre de personalidade”, asegura.
Formación e creación de rede empresarial
Xunto á actividade comercial, Terra Núa impulsa tamén accións formativas e colaborativas destinadas a fortalecer o tecido empresarial local e facilitar a creación de novas sinerxías entre profesionais e emprendedores.

Unha aposta que encaixa cunha nova xeración de iniciativas que ven no interior galego non só un lugar para vivir, senón tamén un territorio desde o que construír empresas competitivas, creativas e conectadas co mundo.

