Noticias

Celanova reivindica a memoria das mulleres represaliadas nas III Xornadas Memoria e Muller

As III Xornadas Memoria e Muller comezan este sábado en Celanova cun programa centrado na recuperación da memoria histórica feminina e na análise do papel das mulleres durante a II República e a represión franquista.

O encontro, organizado polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, celebrarase os días 27 e 28 de xuño no Auditorio Municipal Ilduara baixo o lema Lembranza de María Cabaco. Esto supón unha homenaxe á fundadora e exvicepresidenta da entidade, falecida o pasado mes de febreiro.

Celanova reivindica a memoria das mulleres represaliadas nas III Xornadas Memoria e Muller

A programación arrancará ás 10.30 h. coa presentación institucional e continuará cunha serie de relatorios a cargo de destacadas investigadoras e especialistas en memoria democrática. Entre elas, Lola Varela abordará os avances acadados polas mulleres durante a II República. Pola súa parte, o historiador Domingo Rodríguez Teijeiro analizará a represión franquista e o sistema carcerario da época. Pola súa banda, Tamara López Fernández, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, profundará nas violencias de xénero exercidas durante a ditadura.

Celanova reivindica a memoria das mulleres represaliadas nas III Xornadas Memoria e Muller
Foto: Comité da Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

Ás 13.00 h. presentarase o ensaio Mulleres Libertarias na Galiza (1891-1976), da man dos seus autores, Eliseo Fernández e Dionísio Pereira. A publicación revisa a participación feminina no movemento anarquista galego e documenta a represión sufrida por numerosas militantes, destacando que, entre os centos de persoas represaliadas identificadas, polo menos 110 eran mulleres.

Xa pola tarde, ás 16.15 h., celebrarase unha mesa redonda moderada pola xornalista Nuria López. A sesión contará coa participación da historiadora Rosa Cid Galante e familiares de presas e mestras represaliadas. Estas achegarán testemuños inéditos sobre as consecuencias da persecución franquista.

Presentación dun libro e inauguración dunha exposición

As actividades continuarán o domingo coa presentación, ás 11.00 h., do libro María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo, de Aurora Marco, recentemente distinguida co Premio Peña Novo.

A continuación, ás 12.30 h., inaugurarase a exposición Presas e Mestras. A represión sobre as mulleres na comarca de Celanova, comisariada por Rosa Cid Galante e amadriñada por Aurora Marco. No acto participarán o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e o alcalde de Celanova, Antonio Puga.

A mostra, financiada pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática, recupera as historias de decenas de mulleres que permaneceron silenciadas durante décadas. Entre elas figuran presas que sufriron humillacións e torturas na cadea de partido de Celanova desde os primeiros meses da Guerra Civil, así como mestras depuradas polo réxime franquista.

A exposición poderá visitarse ata o 17 de xullo no Auditorio Municipal Ilduara, de luns a sábado. O horario será de 10.30 a 13.30h., con entrada libre e gratuíta.

Botón volver arriba