O Campamento Concilia 2026 de Sandiás xa está en marcha cun total de 38 participantes inscritos nun programa que combina conciliación familiar, lecer educativo e actividades de verán. Esta proposta está dirixida á infancia e a mocidade do municipio.
A iniciativa, promovida polo Concello de Sandiás, desenvolverase ata o vindeiro 4 de setembro nas instalacións do Polideportivo Campo de San Nicolás. O horario deste campamento será de 9:00 a 14:00 horas. Ademais, as familias dispoñen dun servizo ampliado que permite deixar aos nenos e nenas a partir das 8:00 horas e recollelos ata as 14:30 horas.
Sandiás inicia o Campamento Concilia 2026 con 38 participantes
A primeira semana do campamento estivo marcada por unha intensa programación de actividades lúdicas e formativas. Os participantes asistiron a unha exhibición da Garda Civil e de Protección Civil de Sandiás. Na mesma puideron coñecer vehículos policiais, drons e motocicletas, ademais de recibir información relacionada coa seguridade cidadá.

Durante estes primeiros días tamén participaron en dinámicas de presentación, elaboraron carteis de benvida, e crearon o seu propio lema, “Campa Sandiás 2026”. Tomaron parte en diferentes xogos e probas de habilidade, entre elas o xogo da araña, a lura, xincanas, saltos de aros, crebacabezas e outras actividades de cooperación e diversión.
Ao longo do verán, o programa incluirá baños de auga, xogos populares, coreografías, escape room, contacontos, manualidades, globoflexia, malabares, karaoke, baile, actividades sobre consumo responsable e excursións, entre as que destaca a visita ao Parque Acuático de Monterrei.
O campamento está xestionado pola Atelier Social, que achega o equipo profesional e os recursos necesarios para o desenvolvemento das actividades.

