Un programa de conciliación permitirá ofertar 60 prazas para rapaces de Ribadavia durante todo o Nadal ampliando a oferta do ano pasado.
O concello de Ribadavia aposta pola conciliación familiar e laboral durante o Nadal mediante un programa de actividades. Esta iniciativa presenta nesta ocasión varias melloras con respecto ós anos anteriores e modifica a preferencia de inscrición.
Conciliación para 60 rapaces de Ribadavia no Nadal
A principal novidade está na ampliación do número de nenos e nenas que poden facer uso deste servizo. Un total de 60 prazas estarán a disposición da veciñanza, o que supón un incremento de 20 prazas con respecto ó ano pasado. Tamén se incrementa o horario do programa que será de cinco horas diarias, de 9h a 14h.
Tódolos rapaces e rapazas de Ribadavia que teñan entre 3 e 14 anos poderán inscribirse nesta actividade. Unha vez inscritos, participarán neste programa de conciliación que abrangue tódolos días laborables desde o 22 de decembro ó 9 de xaneiro.
Datas e criterios de inscrición
Esta inscrición realizarase na oficina de Servizos Sociais do Concello de Ribadavia entre o 2 e o 17 de decembro de 2021. Como novidade para optar a unha das 60 prazas está a modificación dos criterios, dando prioridade ás necesidades de uso do servizo en vez da orde de inscrición.
Criterios de prioridade
- Situación laboral familiar (ambos proxenitores traballando)
- Situación laboral familiar (un proxenitor traballando e o outro atendendo a persoas dependentes, discapacitadas ou menores de ata 3 anos)
- Discapacidade
- Familia monoparental
- Familias numerosas
- Outras unidades familiares
- Unidades familiares empadroadas noutros concellos.
Prezos do programa
Os prezos que terán que abonar os usuarios do programa de conciliación serán de 25€ para aquelas familias empadroadas e 50€ para os que non reúnan esa condición.
O lugar de realización do programa de conciliación de Nadal de Ribadavia será o Pavillón de Deportes.