A Policía Local de Ourense activará o vindeiro luns, 4 de maio, un dispositivo especial de seguridade e tráfico con motivo do paso pola cidade da Volta Ciclista Feminina.
As restricións afectarán principalmente ao sector sur do municipio entre as 16:45 e as 17:30 horas, aproximadamente.
Cortes de tráfico en Ourense pola Volta Feminina
O operativo incluirá o corte total da circulación na estrada de Ponte Sevilla (OU-517) e na estrada de Seixalvo (OU-105). O acceso a ambas vías quedará restrinxido desde a glorieta que conecta a avenida de Zamora coas dúas estradas.

Para facilitar a mobilidade, estableceranse desvíos no cruzamento da avenida de Zamora con Nosa Señora da Saínza e no da avenida de Zamora coa Avenida da Universidade. Alí, os axentes da Policía Local regularán o tráfico en función da evolución da carreira.
O Concello recomenda á cidadanía empregar rutas alternativas, evitar a zona da avenida de Zamora e os accesos cara Seixalbo e Ponte Sevilla. Tamén recomendan planificar con antelación os desprazamentos. Tamén se pide seguir en todo momento as indicacións dos axentes despregados.
O servizo de autobuses urbanos tamén sufrirá modificacións nas liñas 3 (Santa Cruz–O Cumial) e 4 (Eirasvedras–Seixalbo). Ambas liñas, durante o horario do dispositivo, finalizarán o seu percorrido na Avenida da Universidade (A Cuña).

