O PSdeG-PSOE de Ourense pide medidas urxentes ante a situación de seca da provincia que está afectando ó abastecemento de varias poboacións.
A ausencia de precipitacións durante a temporada estival está supondo un problema para garantir o abastecemento de auga á poboación. Á ausencia de choiva únense as altas temperaturas que se rexistraron durante os meses de verán e que levaron a algúns concellos a situacións de emerxencia.
O PSdeG-PSOE pide medidas urxentes ante a situación de seca da provincia
Os representantes do Partido socialista na provincia de Ourense levarán ó seguinte pleno da Deputación de Ourense unha iniciativa para pedir solucións urxentes á Xunta de Galicia. Ante esta situación de «seca sen precedentes», o deputado provincial Nacho Gómez critica a «vergoñenta falta de cooperación e deslealdade por parte da Xunta».
Unha das iniciativas que os socialistas piden é a creación dun fondo que permita ós concellos pequenos facer fronte a situacións de emerxencia. Un dos concellos que atravesou e atravesa momentos de dificultade é Ribadavia. Ante a seca do punto de abastecemento, o concello tivo que utilizar camións cisterna e proxectar en tempo récord unha nova captación de auga.
Na situación de urxencia que viviu Ribadavia para poder garantir o abastecemento de auga á poboación, o goberno local tivo a colaboración inmediata de concellos próximos e da Deputación de Ourense. Nacho Gómez incide na «vergoñenta falta de cooperación por parte da Xunta de Galicia» e acusa ó goberno autonómico de «deslealdade institucional».