Noticias

A pegada romana da Limia protagoniza unha xornada didáctica en Sandiás

A Furgoteca, o servizo de biblioteca móbil da Xunta de Galicia, achegou a pegada romana da Limia a preto de medio cento de nenos e nenas nunha actividade organizada en colaboración co Concello de Sandiás e a Asociación Civitas Limicorum.

Esta iniciativa permitiu descubrir a importancia da Vía Nova XVIII, os miliarios, a mansio Géminas e a Festa do Esquecemento a través de obradoiros e propostas adaptadas ás diferentes idades.

A pegada romana da Limia protagoniza unha xornada didáctica en Sandiás

A xornada contou coa participación do alumnado do PAI de Sandiás e do Campamento de Verán Concilia 2026, acompañados polas súas familias e polo equipo de animación. Reme Cid, coordinadora da Furgoteca, foi a encargada de presentar unha programación deseñada para fomentar o coñecemento do patrimonio histórico da comarca dun xeito participativo.

A pegada romana da Limia protagoniza unha xornada didáctica en Sandiás
Foto: Concello de Sandiás.

O presidente da Asociación Civitas Limicorum, Marcos Argibay, abriu a actividade cunha charla divulgativa sobre a Festa do Esquecemento, na que explicou a relevancia histórica e cultural desta celebración. A sesión completouse coa proxección dun documental e cun coloquio no que os máis pequenos formularon numerosas preguntas.

Os nenos e nenas do PAI participaron nun taller sensorial no que recrearon a Vía Nova XVIII empregando cuscús de distintas cores para coñecer como eran as antigas calzadas romanas. Ademais, puideron probar un casco de soldado romano e achegarse á vestimenta da época de forma lúdica.

Pola súa parte, o alumnado do Campamento Concilia realizou un percorrido didáctico pola Vía Nova ao seu paso por Sandiás. A través de fotografías e fichas informativas coñeceron enclaves como os miliarios de Vilariño das Poldras e Zadagós, o trazado da vía xunto á Lagoa de Antela e a mansio Géminas, antiga pousada para viaxeiros situada xunto á igrexa de Santo Estevo. Os participantes tamén elaboraron colaxes e decoraron debuxos de miliarios con inscricións en latín.

A pegada romana da Limia protagoniza unha xornada didáctica en Sandiás
Foto: Concello de Sandiás.

Ao remate da actividade, o concelleiro de Cultura de Sandiás, Pepe Gándara, agradeceu o traballo desenvolvido por Reme Cid e a colaboración de Marcos Argibay e da Asociación Civitas Limicorum. Como mostra de recoñecemento, entregoulle un exemplar da publicación Tres puntos de vista sobre el Forum Limicorum, editada pola Fundación Luis Monteagudo.

Botón volver arriba