O Concello de Sandiás vén de completar a nova senda peonil no Camiño de Santiago-Vía da Prata entre Vilariño das Poldras e Couso de Limia, unha actuación destinada a mellorar a mobilidade e a seguridade viaria dos peregrinos.
O proxecto contou cun investimento de 268.000 euros, financiado integramente pola Axencia Turismo de Galicia (Xacobeo) da Xunta.
Sandiás mellora a seguridade do Camiño de Santiago cunha nova senda peonil
As obras permitiron acondicionar un tramo de 772 metros, no que se habilitou unha senda exclusiva para peóns pola marxe dereita da estrada provincial OU-1116. O obxectivo é evitar que os peregrinos teñan que camiñar pola calzada nunha vía con circulación habitual de vehículos, reducindo así os riscos para a seguridade.

A actuación incluíu diferentes solucións construtivas segundo as características do terreo. O pavimento realizouse con lastras de granito nalgúns treitos e con formigón armado con mallazo noutros.
O proxecto tamén contemplou a execución dunha senda-cuneta con sistema de drenaxe, sumidoiros e colectores nos puntos necesarios, ademais da instalación de fitos cilíndricos flexibles para separar o tránsito peonil do tráfico rodado.

Nos tramos máis complexos construíronse muros de soporte de pedra con varanda metálica e incorporáronse zonas axardinadas con céspede. Esto contribúe a mellorar a integración da infraestrutura na contorna e a ofrecer un percorrido máis seguro e cómodo para os peregrinos.

