Noticias

TOR leva o folk galego á Torre do Castro de Sandiás

A Torre do Castro, en Sandiás, acolleu este sábado o concerto de TOR, que presentou o seu segundo traballo discográfico, Zira, nunha velada que reuniu música, patrimonio e tradición.

A actuación, con entrada gratuíta e celebrada ás 21:00 h, congregou preto de 200 persoas de Sandiás e das comarcas limítrofes, que desfrutaron dunha noite dedicada ao folk galego e celta.

TOR leva o folk galego á Torre do Castro de Sandiás

O cuarteto, formado por Félix Castro, Cástor Castro, Xosé Liz e Álvaro Iglesias, ofreceu un repertorio baseado na tradición musical galega e na cultura celta. A posta en escena contou tamén coa participación dunha parella de baile.

TOR leva o folk galego á Torre do Castro de Sandiás
Foto: Concello de Sandiás.

Durante o concerto soaron muiñeiras, xotas, alboradas, pasacorredoiras e piruxaldas, xunto con pezas máis intimistas como alalás, cantos de reis, valses e mazurcas. O grupo emprega instrumentos como a gaita galega, a frauta de madeira, o acordeón diatónico, o bouzouqui, a mandolina, a guitarra acústica, o contrabaixo e a angloconcertina.

Zira combina composicións propias con melodías tradicionais recuperadas de arquivos históricos, entre elas Mareantes, Mazurcas, Muiñeira Coitada, Pascuña ou Alalá de Lobeira. O disco conta ademais coa colaboración de músicos como Ruma Barbero, Carlos Quintá, Pancho Álvarez, Luis Peixoto, José Climent e Soco Rúa.

O título do álbum ten unha importante carga simbólica. Zira, palabra de orixe tamazight que significa «luz de lúa chea», fai referencia a Cira, en Silleda, onde se gravou o traballo. A portada incorpora tamén unha imaxe da Torre do Castro de Sandiás, escenario no que TOR xa actuara en 2023.

Desde o Concello de Sandiás destacaron a participación do público e agradeceron a asistencia das preto de 200 persoas. A actuación permitiu así fusionar a música tradicional galega coa historia e o patrimonio da Torre do Castro.

Botón volver arriba