Noticias

Sandiás promove a reciclaxe infantil con «Xogando a reciclar»

A Casa da Cultura de Sandiás acolleu o pasado 15 de xullo o espectáculo «Xogando a reciclar», unha actividade de educación ambiental dirixida á rapazada do municipio para fomentar hábitos sostibles a través do teatro.

A sesión, celebrada ás 11:00h, reuniu a un numeroso público infantil e ofreceuse con entrada gratuíta.

Sandiás promove a reciclaxe infantil con «Xogando a reciclar»

A proposta estivo conducida por Fanny Medioambiente, que combinou o clown, a maxia e a participación do público para explicar de forma amena a importancia da reciclaxe e do coidado do medio ambiente.

Sandiás promove a reciclaxe infantil con "Xogando a reciclar"
Foto: Concello de Sandiás.

Durante a representación, os nenos e nenas convertéronse nos protagonistas da actividade ao participar no escenario aprendendo a separar correctamente os residuos domésticos. Mediante xogos e dinámicas teatrais, o espectáculo transmitiu pautas sinxelas para facilitar a recollida selectiva nos fogares e promover hábitos responsables desde a infancia.

Con esta iniciativa, o Concello de Sandiás reforza o seu compromiso coa educación ambiental e a sensibilización da cidadanía máis nova, apostando por actividades que fomenten o respecto polo medio natural e a sustentabilidade.

Botón volver arriba