Entrevistas

Entrevista a Cesar Fernández, alcalde de Ribadavia

Coa entrevista a Cesar Manuel Fernández, alcalde de Ribadavia pechamos polo momento a información sobre a moción de censura. Ambas partes, actual alcalde e futura alcaldesa expoñen o seu punto de vista sobre esta situación nas páxinas de Ourensenarede.com.

Coñecer de primeira man a visión que o actual alcalde ten sobre esta situación é o obxecto desta entrevista. A moción de censura presentada en Ribadavia vai por fin ó mandato de Cesar Manuel Fernández Gil tras 20 meses na alcaldía. Si no día de onte publicábamos a entrevista con Noelia Rodríguez, futura alcaldesa, hoxe podemos coñecer a opinión do actual alcalde sobre este movemento político.

Entrevista a Cesar Manuel Fernández Gil

¿Era previsible chegar a esta Moción de Censura?

Se respostamos a esa pregunta dende o punto de vista da realidade do Concello, da acción política do noso goberno e dende a percepción de calquera veciño ou veciña sobre a realidade de Ribadavia, a resposta, claramente é «Non». Agora ben, se respostamos dende o punto de vista das ansias de poder e os intereses persoais dos 7 asinantes da moción, a resposta, obviamente, é «Si».

Entrevista a Cesar Fernández, alcalde de Ribadavia
Entrevista a Cesar Fernández, alcalde de Ribadavia

¿Os veciños de Ribadavia entende este cambio no goberno municipal?

Estou seguro de que non, e así no lo están trasladando estes días, dende que se fixo pública a presentación da moción de censura. Os veciños non o entenden porque para eles Ribadavia estaba recuperando a ilusión, recuperando o sentimento de orgullo de pertenza. A cidadanía tivo a ocasión de comprobar como neste ano e oito meses tiñan un goberno que traballaba, que desbloqueou proxectos importantes, e que foi quen de captar moitísimo investimento de outras administracións, cousa que antes non ocorría, e isto, por moito que queiran negalo e ocultalo, a cidadanía sábeo.

Ademais houbo un cambio moi importante tamén nas formas, e así no lo facía saber a xente; nós somos un goberno que escoita á cidadanía, que ten sempre a súa porta aberta para atender aos veciños, e somos sempre os primeiros en botar unha man cando é necesario. Ese cambio na actitude do goberno foi percibido pola veciñanza e polo persoal municipal.

Facendo balance

¿Como valora a acción do seu goberno neste ano e oito meses de mandato?

A valoración é moi positiva, e isto non é unha cuestión interpretable se non que é totalmente obxectiva e non hai mais que facer un breve repaso destes 20 meses. Neste tempo fomos quen de conseguir que se faga a remodelación do centro de saúde, desbloquear o desenvolvemento da terceira fase do parque empresarial, e executamos as seguintes obras froito de proxectos e do traballo deste goberno: renovación das tres sedes do CRA Amencer, renovación do auditorio da Casa da Cultura, embelecemento do núcleo rural de Sanín, mellora do entorno da «Arquetiña» na Franqueirán, construción dun punto limpo na Foz, soterramento do cableado do casco histórico, renovación da carpintería exterior da Casa Consistorial, reforma na praza de abastos, mellora de camiños rurais (San Cristovo, Francelos, Santo André).

Ademais, nos vindeiros días comezará o acondicionamento da rúa piñeiral do plan de obras da Deputación, e a mellora de tres camiños en Santo André, Sampaio e Francelos, grazas a un convenio coa consellería de Medio Rural. Poderíamos falar tamén do impulso que demos ao turismo e á imaxe de Ribadavia no exterior, reforzando o papel de Ribadavia na Red de Juderías e establecendo un plan de pago para abonar o pufo que deixara o anterior goberno (que son os que queren volver agora) con este organismo.

Reducimos drasticamente a débeda con administracións como a Deputación, pagamos o pufo que o anterior goberno deixara ao ter sen pagar dous anos da gardería municipal (75.000€), o pufo que deixaran nas beirarrúas de Francelos con mais de 50.000€ sen recoñecer e poderíamos falar de moitísimas cousas máis. Eu creo que para 20 meses, dos cales 12 os pasamos tendo que xestionar o día a día dunha pandemia mundial, non está nada mal.

Mirando ás eleccións de 2023

A acción de goberno realizada dará resultado nas eleccións de 2023?

Estou certo de que Ribadavia saberá valorar o noso esforzo e o noso traballo, e tamén saberá expresar que en política non vale todo e que a vontade dos veciños e veciñas non se pode secuestrar con pactos e contubernios de despacho. A soberanía reside nos veciños, dos cales os concelleiros somos representantes, e cando se toman decisións contra a vontade dos veciños, como é esta moción de censura, os que o fan están traizoando a confianza que neles depositou a veciñanza no seu día e seguro iso tamén influirá no sentido do voto de moita xente de Ribadavia en 2023.

Ana Pastor, Cesar M. Fernández, Mariano Rajoy, Miguel Ángel Viso, Argimiro Marnotes, Manuel Baltar e Xosé Manuel Barreiro
Ana Pastor, Cesar M. Fernández, Mariano Rajoy, Miguel Ángel Viso, Argimiro Marnotes, Manuel Baltar e Xosé Manuel Barreiro

A foto da corporación municipal para o que resta de mandato móstranos...

Esa foto amosa a sete persoas que antepuxeron os seus intereses persoais e as súas ansias de poder aos desexos da veciñanza de Ribadavia. Esa foto, ademais, é a definición perfecta do peor da política xa que amosa a dous grupos que hai pouco mais dun ano se presentaban aos veciños coma antagónicos e protagonizaban episodios de liortas graves con descualificacións persoais e episodios pouco edificantes, e agora se abrazan coa única intención de saciar a súa ansia de poder e satisfacer os seus intereses persoais. É evidente que ou ben mentían antes ou ben menten agora; aínda que eu decántome mais pola opción de pensar que menten permanentemente.

Entrevista realizada a Cesar Manuel Fernández Gil o 10 de febreiro de 2021.

Publicaciones relacionadas

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba